Iniciativa sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central de atención ás alegacións presentadas pola Xunta de Galicia respecto do Proxecto de orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade
que resultan de aplicación a partir do 1 de xuño de 2021
A partires do próximo 1 de xuño de 2021 serán de aplicación importantes cambios na factura da luz, comezando a operar o novo sistema de tarifas eléctricas do Goberno Central.
A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) remitiu, a principios do mes de marzo, o proxecto da orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do próximo 1 de xuño de 2021; así como a memoria do análise de impacto normativo de dito proxecto con aplicación desde o pasado 1 de xaneiro.
Este proxecto de orde desenvólvese en aplicación do Real Decreto polo que se establece a metodoloxía para o cálculo dos cargos da factura eléctrica, aprobado no Consello de Ministros do pasado 9 de marzo e publicado no BOE do 18 de marzo, último día de finalización de prazo das alegación, este escaso tempo, implicou, que moitos axentes non puideran coñecer o texto do Real Decreto co tempo suficiente para analizalo en profundidade e con rigor, dada a importante incidencia que ten o seu articulado na economía das familias e na competitividade das empresas.
Na actualidade, as tarifas de peaxes de acceso de baixa tensión con potencia igual ou inferior a 15 kW estrutúranse en dous grupos de 3 tarifas cada un . Os novos cargos e peaxes que van a entrar en vigor a partir do 1 de xuño, contemplan unha única tarifa, para baixa tensión e potencia igual ou inferior a 15 kW.
Todas as subministracións con potencia contratada inferior a 15 kW terán unha tarifa con tres termos de enerxía (punta, meseta e val) e dous termos de potencia (punta e val).
Actualmente só poden acollerse ao Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC)
os consumidores con potencia de contrato menor ou igual a 10 kW, obrigándose aos consumidores con potencia superior a 10 kW a acudir ao mercado libre. Co novo sistema de tarifas, veranse obrigados a incrementar a potencia dos equipos de calefacción para acumular a enerxía necesaria en menos horas, o que lles pode obrigar a contratar potencias superiores a 10 kW y véndose obrigados a abandonar o PVPC.
O impacto dos novos peaxes e cargos na factura eléctrica será diferente en función da curva horaria de carga de consumo e do esforzo por modificar hábitos e pautas de consumo.
Desta forma a enerxía podería chegar a costar no Prezo Voluntario para o Pequeno consumidor PVPC ata o triplo en función da xestión do uso doméstico da electricidade, pois os cargos sobre o Kwh variarán en función de tres horarios con coste moi diferente.
No caso das tarifas de uso industrial, tamén se producen cambios, e segundo diversas previsión, dedúcese que cos novos cargos e peaxes, en xeral haberá un incremento dos custos de facturación de enerxía en comparación coa situación actual, o que implicará un sobrecusto na facturación de enerxía eléctrica final que pagan os consumidores industriais.
Outra das deficiencias da orde publicada radica no peso específico que se lle asigna a recadación dos custos regulados, desincentivando as instalacións de autoconsumo polo retraso na súa amortización.
A priori parece que se aveciñan costes máis caros a través desta nova estrutura de cargos do sistema e dos novos peaxes, varios perfís de consumidores se verán afectados con importantes subidas do prezo da luz, pois aínda que se pretenda abaratar o termo de potencia, non fai de contrapeso ao previsible incremento por enerxía en moitos dos casos, e de seguro moito máis no ámbito industrial, moi prexudicado xa polo actual sistema de prezos da enerxía de España.
A Xunta de Galicia fixo unha análise desta nova estrutura de tarifas, e presentou varias alegacións á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) dado a
transcendencia que pode ter a aprobación desta importante modificación das tarifas
eléctricas tal e como se publicou.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, a solicitar ao Goberno de España,
que atenda as alegacións feitas pola Xunta de Galicia ao “Proxecto de orde polo que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que
resultan de aplicación a partir do 1 de Xuño de 2021”, e que se se substancian en:
1. Ampliar o prazo de alegacións a este proxecto de orde para que os axentes interesados poidan analizalo en profundidade e formular alegacións con rigor, dada a importante incidencia que ten o seu articulado na economía das familias e na competitividade das empresas.
2. Ampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC) ata potencias iguais ou inferiores a 15 kW para o consumidor doméstico.
3. Realizar estudos de facturación de enerxía eléctrica cos perfís de consumo habituais dos fogares e das empresas dos sectores industrial e servizos, para coñecer o impacto económico real dos novos cargos e peaxes na factura de electricidade como paso previo á aprobación dos cargos do sistema eléctrico que se realicen.
4. Có obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, solicítase que se conceda máis peso específico ao termo de enerxía que o de potencia.
5. Realizar con suficiente antelación a posta en marcha das novas tarifas, campañas informativas que axuden ao consumidor a facilitar a toma de decisións para facer un consumo máis eficiente”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001390