Iniciativa sobre o impulso e desenvolvemento polo Goberno galego dunha estratexia para o sector cárnico
O sector primario galego é un sector fundamental, achegando o 6,9% do PIB da economía galega, o 8,4% do emprego e máis de 93.000 postos de traballo. Ademais, o rural galego representa o 93,7% da superficie da nosa comunidade e, ao fío disto, das 53 comarcas galegas existentes, 18 manteñen unha especialización produtiva no sector primario.
Como o lácteo, o sector cárnico desenvolve un papel clave no equilibrio territorial de Galicia, agrupando unha variada tipoloxía de produción. Na nosa comunidade hai máis de 61.000 explotacións e supéranse as 400.000 toneladas de produción de carne. Con 231 empresas dedicadas á industria cárnica, 1.300 millóns de euros facturados no ano
2018 e 3.449 traballadores, o sector cárnico posúe un valor económico de 37 millóns de euros.
ImageAo respecto, existen ata tres indicacións xeográficas protexidas dentro do sector da carne en Galicia. A I.X.P. Ternera Gallega, que aglutina case 8.200 produtores activos,
100 industrias, 96.472 canais certificados, 21.369 toneladas de carne producida e ata 122 millóns de euros facturados. A I.X.P. Lacón Gallego, que conta con 191 explotacións, 15 industrias, matadoiros e salas de despece, 7,4 toneladas e un valor económica 50 millóns de euros. E, por último, a I.X.P. Vaca Gallega e/ou Buey Gallego, con 683 produtores activos, 21 industrias, 334 canais certificados, 138 toneladas de carne e un valor económico de 550 millóns de euros (Datos do ano 2018).
A relevancia deste sector e a existencia de antecedentes de plans estratéxicos para outros sectores que comparten a mesma importancia deste, como é o sector vitivinícola ou o lácteo, coa Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas e a Estratexia de dinamización do sector lácteo, son factores determinantes da necesidade dun plan estratéxico propio do sector da carne de Galicia.
Ao abeiro disto último, desde o Grupo Parlamentario Popular de Galicia cremos que é esencial a creación dunha estratexia de dinamización do sector cárnico galego, con mesas de participación de todos os axentes da cadea de valor do sector, para analizar e dar solución aos retos presentes e futuros.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar e desenvolver unha Estratexia para o sector cárnico de Galicia”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000905