Iniciativa sobre a demanda á Xunta de Galicia para que inicie un proceso participativo e colaborativo para a celebración do centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos
No ano 2023 celébrase a efeméride do primeiro centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos.
Esta institución nacía en 1923 co obxectivo de valorizar o patrimonio cultural galego desde unha perspectiva científica e cunha clara vocación divulgativa, formando a novos investigadores. Polo seo do Seminario pasaron algúns dos máis eruditos intelectuais do momento, así como membros destacados da xeración Nós e das Irmandades da Fala.
A institución estruturouse en diversas seccións que atenderon a distintos ámbitos do coñecemento científico. En total, durante os anos nos que estivo en funcionamento, o Seminario de Estudos Galegos editou unha vintena de libros e seis número da revista Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
A labor da institución foi clave no proceso de normalización da lingua galega nos ámbitos nos que afondaron e o impacto do seu traballo, a favor da cultura galega, chega ata os nosos días.
Por este motivo, o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos aparece como unha oportunidade simbólica para poñer en valor, desde distintos ámbitos, o papel deste grupo e afondar no seu coñecemento entre a poboación.
Por todo o exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a iniciar un proceso participativo e colaborativo para a celebración do centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.”.