Actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas instalacións dos mercados de gando autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios
En Galicia, os mercados de gando supoñen unha actividade cun gran interese para o sector primario, xa que a venda de animais constitúe unha fonte de ingresos adicionais para moitas explotacións que posúen excedentes. Ademais, esta actividade resulta fundamental para a dinamización do sector e representa un importante elemento dentro da cadea de produción agroalimentaria.
Así mesmo, a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego durante o estado de alarma, nos primeiros meses do pasado ano 2020, representou un punto de inflexión no desenvolvemento desta actividade. Por outra banda, as repercusións amosaron a importancia implícita que posúen estes mercados en relación ao sector.
Neste sentido, a súa reapertura, despois de que o Centro de Coordinación Operativa de emerxencia sanitaria (Cecop) acordase o levantamento da suspensión da celebración deste tipo de feiras, tendo en consideración a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional en aplicación da que fóra a fase 1 do Plan de desescalada do Goberno central, foi acompañada do establecemento dos requisitos e protocolos de seguridade dilatados no tempo e adaptados ás circunstancias, aos que xa todos estamos acostumados, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que corresponden aos concellos.
Ao abeiro do disposto, naturalizouse habilitar zonas con mesas dotadas de protección como cristais ou outros elementos para facer efectivas as transaccións comerciais e asegurar o distanciamento entre os operadores, tamén na zona de atención aos usuarios da oficina veterinaria, sempre pensando en realizar a entrega e a recollida de documentación do xeito máis aséptico posible.
A estes efectos, desde o primeiro momento se tivo en conta a posibilidade estrutural nas dependencias, para habilitar distintos puntos de entrada e saída para os usuarios, evitando que estes mesmos se crucen ou poidan formarse aglomeracións. Por suposto, regulando o aforo e os sentidos de circulación nas zonas de maior confluencia.
Ao respecto, desde o Grupo Parlamentario Popular de Galicia cremos que todas estas actuacións, cuxo hábito é levado á práctica de xeito case inconsciente tras un ano convivindo coa pandemia pola covid-19, deberan acompañarse da implantación dun programa onde se especifiquen esas mesmas e outras actuacións que permitan, non só salvagardar a seguridade dos usuarios en todo momento, senón tamén mellorar, modernizar e adaptar ás instalacións onde se celebren os devanditos mercados de gando de Galicia, sobre todo, en relación a aqueles autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios, e en especial, no relativo ao benestar animal, para procurar a máxima seguridade do gando.
Nesta liña, a adaptación á realidade actual debe ser transversal e ter en consideración ao protagonista destes mercados, o gando.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a implantar un programa de actuacións para mellorar, modernizar e adaptar as instalacións dos mercados de gando de Galicia autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios, con énfase no referente ao benestar animal”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/nVOumfJAZVGY6ADyEV7bN-L_c-WUgzkqwogEHN7cMdQ=