O portavoz de Lingua do Grupo Parlamentario Popular, José Luis Ferro, interveu hoxe no Parlamento de Galicia para defender a presenza plena do galego na economía dixital e na intelixencia artificial, no marco do PERTE Nova Economía da Lingua.
Ferro subliñou que o Goberno central presentou este PERTE como unha oportunidade histórica para aproveitar o potencial do español e das linguas cooficiais en ámbitos como a intelixencia artificial, a tradución automática, a produción audiovisual, a investigación científica e a aprendizaxe dixital, cun investimento público anunciado de 1.100 millóns de euros para mobilizar outros 1.000 millóns privados.
“O compromiso coas linguas cooficiais non se mide en roldas de prensa, mídese en feitos”, destacou o portavoz. “E os feitos son claros: o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, é unha iniciativa rigorosa e estratéxica para situar o galego na economía dixital, con aplicacións e recursos sen precedentes que estarán dispoñibles de xeito gratuíto para empresas e cidadanía”.
Ferro denunciou que, a pesar deste esforzo galego, o Goberno central autorizou menos de 5 millóns de euros, moi por baixo do solicitado e comprometido. “Non estamos pedindo privilexios, estamos pedindo o que nos corresponde. Galicia non pode ser residual neste proceso. O galego non pode quedar fóra da revolución dixital”, afirmou.
O portavoz sinalou que as propostas do PSOE, que buscan condicionar ou diluír a reclamación, “non defenden os intereses de Galicia, só subordinan a nosa reivindicación ás decisións do Goberno que incumpre os compromisos adquiridos”.
Ferro subliñou a importancia de actuar de xeito inmediato, xa que o Programa ALIA remata en 2026 e a oportunidade para garantir a presenza do galego nas tecnoloxías dixitais é limitada. “Se chegamos tarde, o galego quedará excluído de asistentes virtuais, ferramentas educativas, plataformas audiovisuais e administración electrónica avanzada. O futuro da nosa lingua está en xogo”, advertiu.
O portavoz concluíu pedindo o apoio da Cámara: “Hoxe Galicia pode enviar unha mensaxe clara: reclamamos a totalidade dos fondos comprometidos. Non imos aceptar escusas nin retrasos. Galicia merece estar na primeira liña da nova economía da lingua e o galego debe ser protagonista, non residual”.