José Manuel Barreiro
Hai provincias que reciben investimentos e outras, como Lugo, que só reciben silencio. Mentres o Goberno de Pedro Sánchez presume de récords económicos en Madrid, os lucenses seguimos agardando por infraestruturas e servizos vitais. O abandono xa non é percepción, é un feito documentado.
Empecemos polas estradas. A A-54 entre Lugo e Santiago segue sen data para abrir o seu último treito, entre Melide e Arzúa, despois de anos de prazos incumpridos e sobrecustos sen explicar. A A-56 cara a Ourense leva trinta anos de espera, cun único treito en servizo, mentres a N-540, a súa alternativa, acumula accidentes por falta de rehabilitación. E na Mariña, a A-74, clave para vertebrar a comarca, non ten nin un só quilómetro en servizo do treito estatal, e o Ministerio non ofrece prazo ningún, bloqueando ademais a alternativa autonómica que a Xunta si executou.
O tren non mellora o panorama. O AVE a Lugo, prometido hai anos, segue sen plan nin prazos. Os senadores lucenses do Partido Popular levamos esta situación reiteradamente á Cámara Alta esixindo explicacións e reclamando unha planificación seria para que Lugo deixe de ser a excepción ferroviaria de Galicia.
Tampouco hai respecto pola nosa seguridade: a comisaría de Policía Nacional de Lugo, obsoleta e sen medios dabondo, agarda dende hai tempo unha renovación inexistente, porque o Executivo Central non cumpre o compromiso orzamentario asumido.
E cando chega a industria, tampouco hai luz: o proxecto de Altri en Palas de Rei quedou sen conexión eléctrica porque a planificación estatal ata 2030 deixa a Galicia, e especialmente a Lugo, cun miserable 1,6 % do investimento nacional. Por se faltaba algo, milleiros de fogares do rural lucense seguen sufrindo un auténtico apagón dixital, sen conectividade digna en pleno 2026.
En definitiva, estradas sen rematar, un tren que falla, un AVE pantasma, unha comisaría obsoleta, enerxía negada e un rural desconectado. Esta é a radiografía real do trato que Sánchez lle dá a Lugo. Os lucenses no pedimos privilexios, só pedimos que o Goberno deixe de esquecerse de nós. Por iso, no PP, levamos cada un destes abandonos ao Senado, moción tras moción, para esixir o que Pedro Sánchez nega: que Lugo importa tanto como calquera outra provincia de España.