Neste 25 de xullo, Día de Galicia, as mulleres e homes do Partido Popular queremos expresar unha vez máis o orgullo que nos produce ser membros dunha comunidade humana tan boa, xenerosa e fértil en relacións e integracións de moi distintos colectivos e xentes.
Unha boa mostra é que o noso día grande, que leva o nome do apóstolo fundador de Compostela e da capitalidade galega, tamén o compartimos con España enteira e con cidades que se denominan igual por todo o mundo. Somos, en palabras do presidente Manuel Fraga, unha terra antiga e anovada, un pobo situado nunha das fisterras de Europa, que participou activamente do último treito do século XX, que superou eivas e complexos ancestrais. En definitiva, unha Galicia orgullosa de si mesma que participa e participará do futuro de España e de Europa, achegando as súas mellores dotes neste labor integrador e de consenso iniciado décadas atrás.
Esa é a nosa Galicia, célula de universalidade, unha comunidade autónoma que mellorou nas últimas décadas en todos os ámbitos da realidade, na construción dun país que é meta de cada vez máis camiños e camiñantes que veñen buscar, atopar e atoparse a nesta parte do mundo.
Esta chegada de visitantes que xa medimos por millóns de persoas é unha das grandes riquezas que posúe calquera lugar do mundo e debemos considerarnos moi afortunados porque por primeira vez na historia somos centro desde a periferia, somos lugar e destino ao que ir porque aquí sabemos ser, estar e tamén recibir, como pobo acolledor e integrador.
Sendo conscientes dos moitos retos que temos por diante e que teñen que ver cunha realidade cada vez máis cambiante, vemos como a nosa comunidade vai ocupando espazos que resultan atractivos para persoas e entidades procedentes de latitudes moi distantes da nosa e que nos arrequentan a nós mesmos no día a día.
O avance en materia social, económica e cultural no que respecta á proxección internacional é unha realidade que ninguén pode negar, nin sequera dende as perspectivas máis pechadas que moitas veces queren illarnos defendendo unha versión torticeira da singularidade. Cómpre que, como pobo sempre vencellado a múltiples realidades, parte do mundo hispánico e lusófono, desterremos os discursos de quen cren nunha Galicia cativa que mira só cara a dentro e sigamos apostando por nós mesmos como pobo para convencernos que somos a mellor carta de presentación cara a todos os pobos do mundo.
Os do Partido Popular proclamamos coma sempre que a Nosa Terra non ten límites, está dentro e fóra de nós, existe en cada lugar onde hai galegos ou mostras de Galicia, e somos das culturas que máis probada teñen a capacidade para expandirse e convivir con outras moi distintas.
Estamos nun momento decisivo, pois a estabilidade e boa xestión das que se dotou a nosa Comunidade Autónoma a través dos distintos gobernos do PP, con Xerardo Fernández Albor, Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo, impulsaron enormemente a nosa proxección, situándonos nunha posición privilexiada para os cambios que han de vir. A presenza de Galicia no resto de España e no estranxeiro multiplicouse exponencialmente nestes tempos, que o presidente Alfonso Rueda Valenzuela denominou Novo Rexurdimento. Sempre dende un posicionamento centrado, tolerante e dotado de amplas dotes de sentidiño, que nos fai albiscar un futuro moi esperanzador no que moitos dos bens que posuímos van dar bos froitos adobiados coa rexa enerxía que sempre nos caracterizou.
Por todo iso facemos un chamamento a observar a grandeza e xenerosidade dunha terra que sempre foi fiel aos seus principios, ao respecto pola Historia, pero aínda máis pola tradición, tal e como deixou dito Castelao, unha Galicia amable e fermosa que prefire as reformas aos cambios bruscos.
Un novo albor, en definitiva, para un dos berces dunha Europa que se fixo peregrinando a Compostela, dunha Galicia que transitou pola Historia da man da catedral do apóstolo, de Diego Xelmírez, de Rosalía de Castro e de Alfredo Brañas. Dunha terra que sempre amou os seus fillos e fillas, orgullosos de levar o nome de Galicia alá onde chegado o momento nos toque de estar.
Feliz Día de Galicia!