Demanda sobre a asunción polo Parlamento de Galicia do Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico asinado por trece gobernos autonómicos no marco do encontro Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable
Catorce gobernos autonómicos, entre eles a Xunta de Galicia, veñen de consensuar e asinar o “Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico” un documento que recolle as conclusións dos debates e deliberacións que tiveron lugar no Encontro Autonómico Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable, celebrado a finais do pasado mes de marzo en Santiago de Compostela.
Ata o momento, o manifesto xa foi rubricado por Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Castela e León, Madrid, Murcia, Estremadura, Andalucía, Baleares, Ceuta e Melilla.
Este manifesto, insiste na necesidade de adoptar con urxencia as medidas lexislativas necesarias para solucionar a problemática derivada da nulidade radical dos instrumentos de ordenación territorial ou urbanística. En concerto, demándase ao Goberno de España o impulso dunha lei que ofreza seguridade xurídica, para paliar unha situación que nos últimos anos se incrementou de xeito exponencial, como son os casos de nulidade de planeamento territorial ou urbanístico debido a vicios formais, sen contido substantivo sobre os obxectivos ou elementos estructurantes, que poderían resolverse con procedementos sinxelos.
Reiterados pronunciamos xudiciais sosteñen que a nulidade dun planeamento non admite subsanación, convalidación ou conservación de trámites; o que esixe ás administracións locais a comezar de novo a tramitación desde o principio, poñendo pon fin a anos de esforzo colectivo e incorrendo nun inaceptable malgasto de recursos públicos. A esta situación únese o feito de que entre a entrada en vigor dun planeamento e a emisión da sentenza que o anula pasan largos períodos de tempo. Outra consecuencia desta situación é o feito de que se agravan os efectos da nulidade e se incrementa a inseguridade, ao resultar ameazados os investimentos e proxectos de futuro vinculados ao instrumento urbanístico cuestionado que quedan paralizados. Así os cuantiosos investimentos previstos no Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia e, en particular, os programas de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana que se poderán financiar con cargo aos fondos Next Generation EU, non deben verse freados por normas urbanísticas obsoletas ou baixo constante ameaza de nulidade.
Por último, con este manifesto as comunidades queren trasladar ao Goberno a súa disposición para dar un paso adiante e contribuír en todo o posible a adoptar aquelas medidas que resulten necesarias para acadar un urbanismo responsable e perdurable no tempo, á vez que se brindan a fortalecer a cooperación e coordinación entre a Administración xeral e as autonómicas en materia de ordenación do territorio e de urbanismo; promovendo trámites unificados para todos os territorios.
En consecuencia, a xuízo deste Grupo Parlamentario e tendo en conta o amplo grado de consenso acadado entre Gobernos autonómicos de moi diversa ideoloxía, resulta preciso promover un pronunciamento expreso do Parlamento galego co obxecto de adherise ao contido e alcance deste Manifesto, como mostra do firme compromiso co urbanismo responsable e coa protección do territorio.
Todo isto, desde o máximo respecto ao principio de seguridade xurídica, ao principio de igualdade no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais relacionados co chan e sempre na procura dun desenvolvemento sostible, racional, produtivo e eficiente do territorio.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia acorda, como Resolución, facer seu o “Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico” asinado por 13 gobernos autonómicos no marco do Encontro Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable e que, entre outras medidas sinala a necesidade de que o Goberno central impulse as medidas lexislativas necesarias para ofrecer maior seguridade xurídica e, en particular, promover solucións á problemática á que se enfrontan os concellos no momento no que se anulan os seus instrumentos de ordenación.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/30lJ0QygNfLpyYcxHczIwzXz3DKbn3yHUlcw6B5yPHE=