Santiago, 21 de febreiro de 2017.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, subliñou esta tarde no Parlamento “o compromiso total do Goberno galego e do PPdeG con todos os fogares en situación máis vulnerable, e con aqueles que non poden pagar nin o recibo da luz nin do gas”. Neste sentido, lembrou que a Xunta “atendeu a totalidade das solicitudes de axudas para paliar a pobreza enerxética e por suposto que atenderá este ano todas as demandas que reciba”.
Marta Nóvoa amosou a súa satisfacción porque desde o grupo de En Marea “valoren positivamente as medidas específicas postas en marcha polo actual Goberno galego desde 2014 para paliar a pobreza enerxética”, aínda que lamentou que rexeitaran “hai poucos días en Comisión unha emenda para o estudo da mellora destas axudas ás persoas en risco de pobreza enerxética”.
NON QUEREN SOLUCIÓNS
“As Mareas non queren solucións nin para a xente de Galicia, nin para a xente do resto de España, e demostrárono hai unhas semanas no Congreso dos Deputados canto tamén votaron en contra do Real Decreto-Lei polo que se regula un novo mecanismo de financiamento do custo do bono social que consolidaría axudas para cerca de 250.000 fogares galegos”, lamentou.
A portavoz popular recoñeceu que “hai marxe de mellora e existe o compromiso do Goberno galego por avanzar unha vez definido o novo marco xeral do Estado contra a pobreza enerxética”. E, a modo de exemplo, lembrou o compromiso de estudar a ampliación da poboación diana do tícket eléctrico social, xunto coa súa ampliación desta axuda aos usuarios de gas natural.
“Nós estamos abertos a dialogar para atopar máis solucións a este problema, porque diso se trata a política, de dar respostas responsables que respondan ao interese xeral dos galegos e das galegas e que sexan viables, sempre dentro das nosas competencias autonómicas”, apuntou.