Medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para modernizar e humanizar os puntos de encontro familiar
Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son un servizo que facilita e preserva a relación entre os menores e as persoas das súas familias cando nunha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.
A norma que regula este servizo é o Decreto 96/2014, do 3 de xullo, polo que se regulan os puntos de encontro familiar en Galicia.
Actualmente Galicia conta con sete centros en funcionamento ubicados nas sete grandes cidades galegas, e proximamente o concello de Ribeira contará cun PEF que dará cobertura a toda a comarca do Barbanza.
O Goberno galego asumiu o compromiso de poñer novos centros deste tipo á disposición das familias, e por iso a Consellería de Política Social vai duplicar a extensión da rede de puntos de encontro familiar a partir do ano 2022 coa apertura de novos centros comarcais.
Os PEF favorecen e fan posible o mantemento da relación entre o menor e as súas familias cando, nunha situación de separación e/ou divorcio, ou acollemento familiar, o exercicio do dereito de visita vese interrompido ou ben é de cumprimento difícil ou conflitivo. Perseguen facilitar o réxime de visitas acordado polo xuíz sen que xurdan conflitos entre os proxenitores, xa que a entrega prodúcese nun lugar neutro e coa colaboración dos profesionais que traballan neses puntos de encontro. Permiten tamén as visitas que efectúan os pais biolóxicos aos seus fillos dados en acollida, sendo o marco adecuado para que o menor siga relacionándose satisfactoriamente coa súa familia biolóxica.
Para poder levar a cabo estas accións, é importante que e as instalacións existentes e as de futura construción nas que se ubiquen os PEF sexan accesibles e acolledoras co fin de proporcionar un entorno cómodo, cálido e máis humano. Por iso faise necesario adoptar medidas de mellora para mantelos en bo estado e adaptalos ás necesidades sociais cambiantes, así como para preservar o confort e seguridade de traballadores e usuarios.
E isto é así porque todos os Puntos de Encontro comparten a mesma máxima:
favorecer un lugar idóneo no que leven a cabo os encontros entre pais e fillos.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias
para modernizar e humanizar os Puntos de Encontro Familiar que actualmente se atopan en funcionamento na nosa Comunidade tal e como está previsto facer nos centros de nova creación”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002352