Santiago, 10 de abril de 2018.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou este martes no Pleno do Parlamento galego que a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado serviría para facer efectiva a suba das pensións contemplada nas contas xa presentadas no Congreso, e que afectaría a 500.000 galegos.
“Temos a capacidade de subirlle as pensións a máis de medio millón de galegos, tanto ou máis do que vostedes nos están a pedir nesta iniciativa”, sinalou. Deste xeito, instou tanto ao grupo de En Marea coma aos socialistas galegos a que apoien os Orzamentos, insistindo en que “se vostedes queren facer algo de verdade polos nosos pensionistas poñan os seis deputados do PSdeG e os cinco das Mareas para que se lle poidan subir as pensións máis baixas ata o 3 por cento”.
“Acaso vostedes non queren subir as pensións mínimas, as de viuvez, as non contributivas, ou as de aqueles que cobran menos de 850 euros?”, cuestionou o viceportavoz. No mesmo sentido, recordou que durante os anos de goberno do Partido Popular blindouse o sistema público e garantíronse subidas ano a ano, en contraposición á etapa socialista, na que se conxelaron coa connivencia dos sindicatos.
A CREACIÓN DE EMPREGO, CLAVE
Tellado tamén puxo enriba da mesa a necesidade de crear máis e mellor emprego, para aumentar o número de cotizantes, como mellor maneira de garantir o sistema público de pensións.
Sobre este asunto, lembrou que “durante os anos do goberno socialista de Zapatero duplicáronse as cifras do paro, mentres que cos executivos do PP levamos catro anos consecutivos de baixadas do desemprego”. “O único que non conseguimos é crear emprego ao mesmo ritmo que vostedes o destruíron, porque iso é imposible”, sentenciou.