Santiago, 21 de agosto de 2019.- O vicevoceiro do Grupo Popular Miguel Tellado indicou hoxe en rolda de prensa que “o PSOE de Baleares, de Asturias, da Comunidade Valenciana ou de Estremadura defenden mellor os intereses de Galicia que o PSdeG-PSOE” en referencia a reivindicación da transferencia dos fondos “que xa están recadados e no poder do Goberno e que comprometen o normal funcionamento dos servizos públicos das CCAA”.
Miguel Tellado recordou que Galicia foi a primeira comunidade que demandou unha solución para a transferencia desde fondos e fíxoo incluso antes de que o Goberno central estivese en funcións. “En agosto do 2018 reunímonos coa ministra de Facenda para reclamar a partida correspondente ao IVE e en xullo de 2019 se solicitou formalmente por carta a transferencia de todos os recursos comprometidos”.
“A Comunidade galega leva meses reivindicando a transferencia urxente destes recursos que están xa comprometidos e falamos dun problema sen precedentes, posto que dos 700 millóns que o Goberno central adebeda a Galicia, 530 están incluídos nos Orzamentos de 2019” indicou Miguel Tellado quen sinalou que “trátase de fondos dos galegos e para os galegos, que precisamos xa para poder seguir financiando os servizos públicos máis importante para o cidadán como son a sanidade, a educación e os servizos públicos”.
Miguel Tellado indicou que a reclamación de Cataluña pon de manifesto que se trata dun problema global que afecta a todas as CCAA e que, polo tanto, precisa unha solución global e inmediata. Recordou o vicevoceiro popular que en Galicia existe consenso político ao respecto, nese sentido indicou que o Parlamento galego aprobou en xullo unha iniciativa do PPdeG que reclamaba ao Goberno central o pago dos 700 millóns de euro, iniciativa que contou co apoio de todos os grupos salvo do PSdeG-PSOE, que se abstivo.
“Este bloqueo das contas a Galicia forma parte de dúas estratexias, por unha banda a do PSdeG-PSOE de utilizalo para asfixiar as contas de Galicia e outra estratexia de chantaxe que pretende utilizar Pedro Sánchez para lograr apoios para ser presidente do Goberno “ indicou Miguel Tellado.