Santiago, 20 de marzo de 2018.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, reivindicou este martes a necesidade dun sistema de pensións “viable, sustentable e froito do consenso político”, e cuxa reforma se debata fóra de loitas partidistas no foro axeitado, que é o Pacto de Toledo. “Debemos preocuparnos de garantir as pensións dos nosos pais, pero tamén as dos nosos fillos”, subliñou.
Tellado celebrou o anuncio da semana pasada de Mariano Rajoy de reducir a carga fiscal e subir as contías das pensións máis baixas e de viuvez. No mesmo sentido, lembrou que “nos peores momentos da crise, os gobernos do Partido Popular desconxelaron as pensións que deixaran conxeladas os socialistas co apoio dos nacionalistas”.
O portavoz de Emprego dos populares tamén indicou que a mellor maneira de equilibrar o sistema é crear postos de traballo é introducir novos cotizantes ao reparto.
Así, ante no debate dunha iniciativa na que se pedía tamén a derrogación da reforma laboral, Tellado apuntou que se crearon máis de 600.000 postos de traballo en 2017, máis de 400.000 en 2016, unha cifra similar ás de 2015 e 2014. Neste sentido, contrapuxo estas cifras coas dos gobernos de Zapatero, cando se duplicou o volume de parados. “Cando vostedes falan de pensións quedan moi mal, pero cando o fan de emprego quedan moito peor”, concluíu.