Santiago, 23 de novembro de 2017.- O viceportavoz parlamentario do Grupo Popular, Miguel Tellado, reiterou este xoves o compromiso que os populares mantiveron nas últimas décadas co sector da construción naval, e tachou o discurso de En Marea de “insultante” e “froito dun profundo descoñecemento da realidade” da comarca.
Neste sentido, afeoulle ao grupo propoñente que durante a pasada lexislatura os deputados da antiga Alternativa Galega de Esquerda “se burlaron de moitos dos proxectos que deron traballo ás familias da comarca, coma os floteis ou as jackets”. “Agora que está en Madrid, vemos como á señora Yolanda Díaz non lle importaba nada Ferrol”, incidiu.
O GOBERNO DO PP SALVOU O NAVAL GALEGO
Tellado lembrou que foron os gobernos centrais do Partido Popular os que salvaron o naval galego nos seus “dous momentos críticos”, así como que os populares se opuxeron ás tres reconversións acometidas polos executivos socialistas. “Aqueles procesos mandaron a moita xente á súa casa con 52 anos e os sindicatos afíns aos partidos de esquerda firmaban e calaban mentres se amortizaban posto de traballo”, subliñou.
Sobre o contexto actual, o viceportavoz celebrou que se poida falar dos contratos por 2.800 millóns de euros nos últimos anos, dos que máis da terceira parte corresponde ao estaleiro Navantia.
FUTURO DOS ESTALEIROS
Neste sentido, Miguel Tellado entende que “gracias ao esforzo conxunto de todas as partes, o naval galego superou a crise ata conseguir recuperar máis de 2.200 empregos durante os catro últimos anos, coa súa aposta por factores claves como formación e a innovación, no camiño cara ao estaleiro 4.0, a diversificación e a internacionalización”.
Para concluír, apuntou que unha parte do futuro dos estaleiros pasar por acadar os contratos para a construción das fragatas F-110, que están supeditadas á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano. “Así que se queren facer algo de verdade polo naval, apoien as contas”, suxeriu.