O portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, valorou a primeira comparecencia da Comisión non permanente de estudo sobre a situación do sector lácteo, protagonizada polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e subliñou que «hoxe a prioridade era escoitar e formular as preguntas axeitadas». Segundo explicou, esta primeira sesión debía servir para «comezar a identificar con claridade cales son os factores que realmente están condicionando o prezo do leite», polo que a intervención do Grupo Popular estivo orientada a afondar nas causas do problema, coñecer os cambios que considera necesarios o sector e as medidas que poden contribuír a mellorar a posición dos produtores.
Viso sinalou que «o verdadeiro obxectivo desta primeira sesión era obter información de calidade que nos permita construír, ao remate dos traballos da Comisión, conclusións sólidas e propostas útiles para o sector lácteo galego». Neste sentido, lembrou que esta foi «a primeira das moitas voces que pasarán pola Comisión» e destacou que todas elas achegarán visións complementarias da realidade. «Esa pluralidade permitiranos contrastar perspectivas, identificar puntos de encontro e elaborar unha folla de ruta seria, rigorosa e útil para o futuro dun sector estratéxico para Galicia», concluíu.