A voceira do PP de Pol e deputada autonómica, Nicole Grueira, leva ao Parlamento o incumprimento reiterado das competencias que lle corresponden ao Concello de Pol en relación ao CEIP Rosalía de Castro despois de ter presentado iniciativas para o Pleno municipal sen que o alcalde permita o seu debate e votación.
A popular explica que “a conservación, mantemento e vixilancia dos colexios corresponde ás entidades locais, é dicir, aos Concellos, segundo establece o marco de colaboración entre a Consellería de Educación e a FEGAMP”. Polo tanto, “o mantemento das instalacións do CEIP Rosalía de Castro en Mosteiro e o persoal subalterno que presta servizo é responsabilidade do Concello de Pol”.
Con todo, advirte que “o alcalde leva anos desatendendo as súas obrigas” de forma que o Concello non garante unhas axeitadas condicións para o desenvolvemento da actividade da comunicade educativa: alumnado, profesorado e familias”.
Ante o abandono continuado por parte do alcalde, o centro presenta na actualidade diversas deficiencias no seu mantemento e limpeza e outras necesidades coma a de actuar nos canlóns de recollida de augas pluviais ou a reparación da cancela traseira. O centro tamén ten rexistrado incidencias en relación relacionadas cos gastos de funcionamento: no 2021 a subministradora da electricidade reclamaba facturas sen pagar que lle correspondían ao Concello e, ante a necesidade de desratización, tivo que asumir o gasto o centro por razóns de salubridade e posteriormente reclamar o pago ao Concello.
A todo isto súmase a ausencia da figura do conserxe no centro por terceiro ano consecutivo tras ser retirada polo propio alcalde, a pesar de ser un servizo básico para atender as necesidades cotiás do centro que lle corresponde prestar ao Concello. “Pero non é o único servizo básico ameazado polo alcalde, xa que chegou a dicir que deixaría de pagar a luz e o servizo de limpeza do colexio”.
Grueira esixe que o Concello garanta, de forma efectiva e continuada, o mantemento, conservación, reparación e limpeza das instalacións e do recinto escolar, atendendo ás deficiencias comunicadas reiteradamente polo centro; a cobertura do servizo de conserxería e o cumprimento das obrigas económicas e de funcionamento que lle corresponden.