Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia Noelia Pérez e Argimiro Marnotes visitaron hoxe en Ourense un negocio beneficiario do programa Galicia Emprega, onde puxeron en valor as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia para apoiar o emprendemento, a actividade económica e, especialmente, o acceso das mulleres ao mercado laboral.
Durante a visita a Más que uñas, os deputados fixeron balance das medidas desenvolvidas nos últimos anos e destacaron a aposta do Goberno galego por favorecer un emprego estable, de calidade e con maiores oportunidades para os colectivos que atopan máis dificultades de acceso ao mercado laboral.
2,95 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS EN OURENSE
Nese sentido, sinalaron que no conxunto das liñas de Galicia Emprega, Ourense recibiu no 2025 397 axudas por un importe total de 2.948.300 euros, apoiando 431 contratacións. Ademais das destinadas especificamente ás mulleres, as axudas incluíron incentivos para a mocidade, persoas desempregadas de longa duración e maiores de 52 anos, emigrantes retornados e persoas estranxeiras, persoas con discapacidade e entidades sen ánimo de lucro.
Esta aposta polo emprego feminino tamén se reflicte nas axudas xa concedidas en Ourense. A través de Galicia Emprega concedéronse 152 axudas da liña Emprega Muller por 1.035.700 euros, mentres que a liña para mulleres en ocupacións masculinizadas sumou outras 10 axudas por 136.500 euros. En total, ambas as liñas mobilizaron máis de 1,17 millóns de euros.
ABERTA CONVOCATORIA DE GALICIA SUMA TALENTO: EMPRÉGATE 2026
Durante a visita tamén se puxo en valor a evolución das políticas de incentivos á contratación desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos. Entre 2018 e 2025, os programas vinculados a Galicia Emprega permitiron conceder axudas a 10.392 solicitudes, apoiando a contratación de 12.212 persoas traballadoras, cun investimento acumulado de máis de 105,3 millóns de euros.
Os deputados destacaron que Galicia Suma Talento: Emprégate 2026 dá un paso máis ao conectar os incentivos á contratación indefinida cos itinerarios de formación para o emprego, facilitando que a cualificación das persoas desempregadas se converta nunha vía efectiva cara a un emprego estable.
“O obxectivo é pechar o ciclo entre formación, cualificación e emprego, facendo que os recursos públicos teñan un retorno real en forma de oportunidades laborais e de maior competitividade para as empresas galegas”, apuntaron Noelia Pérez e Argimiro Marnotes.
Neste contexto, lembraron que permanece aberta a convocatoria de Galicia Suma Talento: Emprégate 2026, dotada con 19,7 millóns de euros, coa que a Xunta prevé apoiar a contratación indefinida dunhas 2.500 persoas desempregadas pertencentes a colectivos prioritarios.
Noelia Pérez e Argimiro Marnotes salientaron especialmente o reforzo dos incentivos destinados ás mulleres, unha das prioridades da convocatoria de 2026. Así, a axuda para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero ou de trata de seres humanos e mulleres con fillos ou fillas menores de tres anos que estean desempregadas de longa duración elévase de 6.000 a 10.000 euros por contratación. A convocatoria tamén contempla un incentivo de 10.000 euros para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas.