Iniciativa sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia ante o Goberno de España para que os fondos estatais que non puideron ser executados ao abeiro do 3º e 4º plans de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da covid-19 poidan ser destinados a un novo plan de apoio para o ano 2022
Tal e como víñamos advertindo tanto desde o Grupo Parlamentario Popular como, en reiteradas ocasións, desde a Consellería de Emprego e Igualdade, o terceiro e cuarto plans de rescate dirixidos a apoiar o tecido produtivo da nosa Comunidade, especialmente a aqueles sectores e actividades afectados en maior grao polas consecuencias da covid-19, non acadaron os resultados esperados.
Pese a que Galicia foi unha das comunidades autónomas españolas que logrou unha máis ampla execución dos fondos dispoñibles –entorno ao 70%– hoxe sabemos que dos 234,4 millóns de euros achegados pola administración central tan só puideron executarse entorno a 166 millóns de euros. O Goberno de España impuxo uns requisitos difíciles de cumprir aos que hai que sumar unha sobrecarga burocrática no procedemento, factores que ocasionaron que só se recibiran 15.061 solicitudes e que quedaran sen executar o 30% dos fondos. Moitos dos potenciais beneficiarios quedáronse fóra do novo paquete de axudas polos condicionantes impostos desde a administración central, como foi o caso, por exemplo, das persoas traballadoras autónomas que non presentaran débedas nin pagos pendentes, por teren as contas ao día, con independencia da súa situación económica real.
Esta circunstancia contrasta co acontecido nos dous primeiros plans de rescate que a Xunta de Galicia puido xestionar directamente e en liberdade, e que financiou con cargo a fondos autonómicos.
Neste caso, os requirimentos deseñados polo Goberno autonómico no seo do diálogo social, permitiron poñer a disposición do tecido empresarial galego en tempo récord, en apenas catro meses, 182 millóns de euros -practicamente o 100% da contía orzamentada- a través da tramitación de 80.000 solicitudes.
Conscientes desta realidade, desde a Consellería de Emprego e Igualdade veñen de remitir cadansúas cartas á vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, e á ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, solicitando a reasignación a Galicia dos preto de 70 millóns de euros que quedan sen executar destes fondos estatais, sumando a totalidade dos fondos procedentes de renuncias ou reintegros. O obxectivo é que poidan ser destinados na súa totalidade ao tecido produtivo galego no ano 2022, impulsando unha nova convocatoria de axudas directas, cuns requisitos que se axusten o máximo posible á realidade empresarial da comunidade e non os sigan privando dos cartos que lles corresponden.
Se a Xunta de Galicia fose a Administración encargada de elaborar estes dous últimos plans, a imaxe e semellanza do acontecido cos dous primeiros, o noso tecido empresarial xa tería nas súas contas a totalidade dos fondos dispoñibles que, a día de hoxe, están en risco de perderse, ao volver as arcas do Goberno de España; non por culpa non da Xunta nin dos autónomos e empresas, senón porque o Goberno central non foi quen de facer que estas axudas fosen xustas e accesibles.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, os fondos estatais que non puideron ser executados ao abeiro do 3º e 4º Plans de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da covid-19 poidan ser destinados a un novo Plan de apoio para o ano 2022. Unha iniciativa que, a diferencia dos dúas últimas, deberá axustarse o máximo posible á realidade do noso tecido empresarial, e incorporar os criterios establecidos polas comunidades autónomas de común acordo co Diálogo Social de Galicia e a Mesa do Emprego Autónomo”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002550