Alfonso Rueda presidiu esta tarde a xunta directiva provincial
O Partido Popular de Pontevedra celebrará o seu congreso o próximo 9 de xullo. Así o decidiu a Xunta Directiva provincial esta tarde, nunha reunión que contou coa participación do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e do secretario xeral do PP provincial, Luis López. Ademais, tamén se pecharon outros detalles como o número de compromisarios e os integrantes da Comisión Organizadora, así como a aprobación do regulamento do Congreso.
A Comisión Organizadora do Congreso estará presidida por Alberto Pazos, e contará con Ana Cristina Pérez como vicepresidenta, Marta Mariño como secretaria e cos vogais Silvia Junco e Juan Andrés Bayón. Esta comisión será a encargada de coordinar, impulsar e dirixir todos os aspectos organizativos do congreso ata a súa celebración, momento no que asumirá estas competencias a mesa do congreso.
No 19 Congreso do PP de Pontevedra participarán un total de 690 compromisarios, dos que 552 son electos -17 deles integrantes de NNXX- e 138 son natos, entre os que se inclúen os membros da Xunta Directiva provincial e os integrantes da COC.
PRESENTACIÓN DE CANDIDATOS
Desde o xoves 16 e ata o luns 20 de xuño, os afiliados que desexen optar á presidencia do partido poden presentar a súa candidatura, que terá que ir acompañada de 75 apoios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidatos, abrirase unha campaña interna de oito días, entre o 22 e o 29 de xuño.
Ademais, os afiliados que queiran inscribirse como participantes no proceso electoral e como compromisarios poden facelo ata o 23 de xuño.