Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central a inmediata reclamación ao Goberno de Noruega da devolución das taxas cobradas irregularmente aos mariñeiros galegos neste país. O portavoz de Mar, Carlos López Crespo, afirmou que o Goberno galego e o Partido Popular “non van deixar abandonado a este colectivo de mariñeiros e seguiremos traballando para que consigan a xubilación que se merecen”.
O acordo acadado hoxe no Parlamento inclúe, ademais, a solicitude para que o Goberno de España interpoña, ao amparo do artigo 33 do Convenio Europeo de dereitos humanos, unha demanda diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra o Reino de Noruega por incumprir o citado convenio europeo ao vulnerar a prohibición de discriminación por nacionalidade por esixir a residencia para a inclusión no sistema noruego de Seguridade Social aos nosos traballadores do mar emigrantes embarcados nos seus buques.
López Crespo manifestou que a Xunta “considera que os mariñeiros da Asociación Long Hope teñen todo o dereito a percibir a pensión de xubilación por ter exercido a actividade pagando os seus impostos, atendendo aos principios de igualdade e non discriminación dos traballadores”.
Así mesmo, o portavoz popular lembrou o compromiso asumido polo ministro de Asuntos Exteriores de España de esperar a que rematen as posibilidades que ofrece o ordenamento xurídico noruego. De non acadar o éxito neste trámite, o Goberno español intervería como reclamante destes dereitos.