Santiago, 27 de setembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda do Goberno central a transferencia das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria. “A transferencia destas competencias permitiría, por proximidade e consideración ás nosas condicións particulares, deseñar políticas de tráfico e seguridade viaria mais axeitadas para Galicia”, indicou a deputada popular Julia Rodríguez.
Na súa intervención, Rodríguez lembrou que esta competencia xa fora demandada por unanimidade do Pleno do Parlamento galego a través dunha proposición de lei aprobada en 2008, que posteriormente foi debatida e rexeitada no Congreso dos Deputados en setembro de 2010.
POLÍTICAS ADAPTADAS A GALICIA
Julia Rodríguez considerou “evidente que a dispersión poboacional e as condicións orográficas e climatolóxicas de Galicia, xunto a unha rede viaria de moitos quilómetros de estradas secundarias, aconsellan poñer en marcha políticas de tráfico e seguridade viaria adaptadas ás nosas circunstancias especiais”.
Respecto da folga dos examinadores de Tráfico, a deputada popular explicou que “a única competencia da Xunta neste conflito é velar polo cumprimento da legalidade laboral, dado que os examinadores son funcionarios da Dirección Xeral de Tráfico e os exames competencia exclusiva do Estado”.
Rodríguez indicou que “sempre hai espazo para conciliar posturas”, polo que avogou por “continuar as negociacións ata acadar un consenso cos examinadores”.