Santiago, 17 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta tarde no Parlamento, logo dunha transacción acordada co Grupo Socialista, a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a continuar coas medidas de control e erradicación da Herba da Pamba, elaborando para o presente ano un plan de erradicación e control en toda a Comunidade galega. Así mesmo, demándase do Ministerio de Fomento o deseño dun plan de eliminación desta especie vexetal nas autoestradas de Galicia.
O deputado do Grupo Popular José Silvestre Balseiros recoñeceu que a cortadera ou herba da Pampa “é unha planta invasora, procedente de Arxentina, que pode alterar o espazo e o hábitat vexetal da comunidade galega”.
ACTUACIÓNS NOS ÚLTIMOS ANOS
Neste sentido, lembrou que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia levan actuando nos últimos anos para a erradicación desta especie, centrándose especialmente nos espazos protexidos como a Rede Natura 2000.
Porén, Balseiros considerou necesario que a Xunta continúe implantando medidas para o control e erradicación da herba da Pampa, así como que o Ministerio de Fomento desenvolva un plan que elimine definitivamente esta especie das autoestradas galegas.