Santiago, 9 de febreiro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo avogou hoxe polo consenso e o acordo entre médicos e enfermeiros para a correcta dispensación de fármacos.
Rodríguez-Vispo lembrou que o Real-Decreto 954/2015 regula a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte de enfermeiros.
“Na atención de enfermería nos centros de primaria e de especializada, así como na atención a domicilio, a actuación dos enfermeiros debe axustarse á actividade habitualmente despregada conforme ás guías e protocolos de asistencia que teñan instaurados, sendo o profesional de enfermería o responsable dos coidados, debendo aplicalos en mérito á elevada cualificación profesional que lle outorga a súa titulación e conforme ao sentido deontolóxico, profesional e de máxima dedicación que o seu vínculo e compromiso ético lle determinan”, explicou a deputada popular.
Respecto das campañas de vacinación, Marta Rodríguez-Vispo anotou que “se actúa como consecuencia dunha decisión da autoridade sanitaria en materia de saúde pública, polo que non require un diagnóstico previo porque aínda non hai enfermos, nin enfermidade que diagnosticar e o que se identifican son as cohortes poboacionais máis expostas a ese risco co obxectivo de previr precisamente que enfermen”.