Santiago, 10 de outubro de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, afirmou hoxe no Parlamento que “a mellor forma de recuperar o rural e loitar contra a despoboación é conseguir que as producións agrogandeiras e forestais xeren produtos co suficiente valor engadido para beneficiar a todos os partícipes no proceso de produción”.
“Buscamos un rural multifuncional, respectuoso cos recursos naturais e paisaxísticos, vivo e dinámico, e orientado á produción agroalimentaria de calidade”, sinalou José González, para o que demandou “traballar en políticas que posibiliten unha dinamización diversificada da economía nas áreas rurais”.
CALIDADE E PROFESIONALIZACIÓN
Na súa intervención, o portavoz popular indicou que “necesitamos que o rural e a produción agroalimentaria vaian cara a senda da calidade e a profesionalización de todos os partícipes”. Neste sentido, engadiu que “a marca Galicia no ámbito agrogandeiro ten a suficiente forza como para amparar produtos de calidade a nivel mundial”.
José González lembrou que a Xunta de Galicia aprobou o pasado 23 de marzo o Plan de fixación de poboación no rural, que aborda retos como procurar a cohesión territorial, mantendo a poboación; apoiar as actividades socioeconómicas no rural a través da explotación de recursos endóxenos; acadar un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais; e crear e conservar o emprego.
“Este plan conta suporá un investimento próximo aos 231 millóns de euros dirixidos á consecución dun obxectivo como é a revitalización do rural galego a través da fixación da súa poboación”, concretou o portavoz popular.
Así mesmo, referiuse ás axudas que a Consellería do Medio Rural concede para a transformación e comercialización de produtos agrarios. “Entre os anos 2016 e 2017, estas axudas sumarán cerca de 52 millóns de euros, que contribuirán ao mantemento da industria agroalimentario e favorecer a pervivencia das explotacións agrarias e do tecido económico que as rodea nas zonas rurais, ao tempo que se incrementa o valor dos produtos primarios”, dixo.