A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo a Ponteareas como exemplo dos «gobernos de sentidiño e estabilidade» do PPdeG, con Nava Castro liderando este concello, fronte ao Goberno central do «sen sentido» de Pedro Sánchez e os seus socios, como o BNG. Así, pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo este 29 de novembro, co obxectivo de poñer en marcha o «cambio necesario» en España, tamén para «protexer ás mulleres» despois de oito anos de «abandono» do sanchismo.
Para a número dous dos populares galegos, o PP é «o partido das mulleres e do feminismo real», dixo no mitin, lembrando que hoxe se conmemora o 25N, o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Neste sentido, subliñou a importancia de reivindicar a loita contra a lacra social da violencia de xénero, pero tamén de «poñer en valor o feminismo de feitos fronte ao falso feminismo que nos vendeu Sánchez durante oito anos».
Para a secretaria xeral do PPdeG, tamén é fundamental votar ao PP nas Eleccións Xerais para poñer fin «á polarización e a política do medo e a violencia» que impulsa a esquerda. «España non merece un Goberno incapaz de condear a violencia, nin a cómplices coma o BNG que tampouco poñan límites», sinalou Prado, lembrando que onte mesmo, «os cachorros de Bildu, os herdeiros de ETA,» increparon a Ester Muñoz, a portavoz do PP no Congreso, durante unha visita ao País Vasco.
«Non queremos máis divisións. Alberto Núñez Feijóo reconstruirá e unirá este país», concluíu, reiterando a necesidade do votar ao PP para devolverlle a España «todo o que Sánchez e os seus socios lle quitaron nestes anos».
COMESAÑA E LÓPEZ PIDEN REMATAR COA ASFIXIA DE IMPOSTOS
Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, deixou claro, neste acto electoral en Ponteareas, que “Feijóo é o presidente que precisa este municipio, xa que con el ao fronte do Goberno abrirase unha etapa centrada exclusivamente na xente, posto que haberá menos impostos, máis vivenda e as pensións estarán garantidas ao tempo que deixaremos atrás os oito anos de maltrato de Pedro Sánchez coa nosa provincia”, que exemplificou co pasotismo e a parálise na xusta demanda das obras de mellora da seguridade viaria na N-120 na capital do Condado.
O represente popular defendeu un “cambio necesario” para rematar co “constante castigo e discriminación” coa provincia de Pontevedra, da que lembrou que estivo “totalmente esquecida” por Pedro Sánchez nos eidos das infraestruturas, os investimentos e o apoio ao noso xeito de vivir, “pero en cambio si que nos tivo en conta para fritirnos a impostos”, posto que no vai de ano a recadación fiscal medrou case o dobre que no resto de España.
Finalmente, o presidente provincial do PP, Luis López, engadiu que é necesario susbtituír ao goberno socialista para que os cidadáns “deixen de vivir asfixiados” pola presión fiscal exercida e as futuras subas de impostos xa anunciadas polo PSOE, ás que se suman a inflación disparada “que fai cada día máis difícil ir ao supermercado, botar gasolina, pagar a luz ou a calefacción e xa non digamos cambiar de coche ou acceder a unha vivenda. Neste senso, recalcou o compromiso de Feijóo de rebaixar os impostos e conter o IPC coa diminución do IVE nos produtos básicos.
Ademais, chamou a todos os ponteareáns a “non confiarse” e traballar para encher as urnas de votos a prol do cambio necesario que só representa o PP. “Hai que votar con intelixencia para rematar con este ciclo negro e para abrir un tempo de esperanza con Feijóo e iso pasa exclusivamente pola papeleta do PP. As demais non serven. Todos os votos da nosa provincia que non sexa para o Partido Popular permitirán a continuidade de Pedro Sánchez no Goberno e para que siga a política de corrupción e bailes”, aseverou, antes de desexar “un Nadal á galega, con sentidiño, xuntos en familia e cun galego na Moncloa”.