Santiago, 1 de marzo de 2018.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira considerou “lamentable que En Marea rachara hoxe o consenso que saíu do Pleno do Parlamento do pasado 19 de decembro na defensa da redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías, de xeito que incorpore e priorice a conexión ferroviaria dos portos galegos de Vigo e A Coruña co seu trazado español actual, a través de Monforte, León e Palencia”.
Julia Rodríguez explicou que “En Marea, e tamén os demais grupos da oposición, están a confundir dúas realidades diferentes, porque o que lle interesa a Galicia non é a inclusión nunha Agrupación Europea de Interese Económico, como se anunciou recentemente para Zaragoza, senón no Corredor Atlántico Noroeste de Mercadorías, que nos permita recabar financiamento para a modernización das nosas infraestruturas ferroviarias para facelas máis competitivas”.
Neste sentido, a deputada afirmou que “o corredor no que se ven de integrar Zaragoza ten unha base xurídica diferente ao que está a promover a Xunta para a inclusión de Galicia”. “O corredor no que se integra Zaragoza ten un obxecto máis orientado á loxística e non ás infraestruturas e, de feito, o seu consello está integrado polos explotadores destas infraestruturas, neste caso o Adif e non o Ministerio de Fomento”, apuntou. En definitiva, é unha estrutura creada para reforzar a cooperación entre administradores das infraestruturas e mellorar a interoperabilidade das mesmas.
MODIFICACIÓN A MEDIADOS DE 2018
A deputada popular avanzou que “será a mediados do 2018 cando a Comisión Europea faga unha proposta sobre o mecanismo de financiamento Conecta Europa, na que se podería producir unha modificación para priorizar as liñas que constan na declaración formalizada polos gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León”. Diante desta previsión, Rodríguez Barreira asegurou que “o Goberno galego está a traballar para corrixir o agravio comparativo producido na negociación que o Goberno socialista fixo do proceso de revisión da Rede Transeuropea de Transportes en 2009 e 2010, cando deixaron fóra do Corredor Atlántico ao noroeste da península”.
Así, lembrou que o Goberno galego ten asinado o pasado 9 de outubro unha declaración xunto aos gobernos de Asturias e Castela e León para reclamar conxuntamente esta conexión ante o Goberno do Estado e as institucións europeas.