Santiago, 11 de outubro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, criticou e cualificou de “sorprendente que ao BNG lle moleste que durante o verán, época na que diminúe a afluencia de persoas enfermas a calquera hospital, se realizaran as obras de reparación e mellora na Unidade de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de A Coruña”.
Aurelio Núñez indicou que “a enfermidade oncolóxica é o suficientemente importante para que estes enfermos e enfermas teñan dereito a unha atención de calidade, nunhas instalacións cun grao de confort suficiente e axeitado á súa situación”.
SEN PRODUCIRSE DEMORA
Deste xeito, explicou que a reforma da Unidade de Oncoloxía do CHUAC “fíxose con esa intención e durante o verán pola maior dispoñibilidade de camas noutros servizos do hospital”. En concreto, as persoas afectadas foron atendidas nunha das unidades de Medicina Interna polos propios profesionais do Servizo de Oncoloxía, sen que se tivera producido demora algunha cando houbo necesidade de hospitalización”.
Aurelio Núñez lembrou, ademais, que o CHUAC conta “cun servizo de urxencias totalmente novo, con espazos para os doentes e as súas familias e con mellor equipamento, froito dun importante investimento”. Así mesmo, dixo que o tempo medio de triaxe no Servizo de Urxencias é de 1 minuto e 48 segundos, “co que se garante a atención inmediata de todos e cada un dos procesos de gravidade”.