Santiago, 22 de febreiro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, César Fernández Gil, criticou hoxe a “bipolaridade argumentativa” do BNG, porque “hai dous meses pedían derrogar o decreto de plurilingüismo e hoxe piden o seu cumprimento”. “Nunca se debe poñer unha lingua nin outro ben cultural ao servizo dunha causa concreta, e aínda menos se falamos de causas políticas, pois lígase o futuro da lingua ao da ideoloxía política á que se asocia”, sinalou.
Fernández Gil asegurou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, “cumpre o decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario e avalía os resultados, mesmo presentando os resultados neste Parlamento”.
AVALIAR DISTINTAS COMPETENCIAS
“Este sistema de avaliación permite que sexan os propios centros educativos os que introduzan os datos a través da aplicación de xestión XADE”, explicou o portavoz popular. Neste sentido, engadiu que esa información permite avaliar diversas subcompetencias, tanto a nivel gramatical como de léxica, que “son as que mellor poderían reflectir un dominio diferente das súas linguas que manexa o alumnado”.
César Fernández reiterou que a Xunta “ten manifestado en numerosas ocasións que existe un equilibrio lingüístico no ensino, precisamente froito da aplicación deste decreto que permitiu recuperar a paz lingüística rota na etapa do Goberno bipartito”.