Santiago, 20 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá unha proposición non de lei a través da que se insta ás organizacións sindicais e empresariais de Galicia a establecer un acordo marco sobre a estrutura e contidos da negociación colectiva que contribúa a mellorar as condicións laborais dos traballadores. O viceportavoz popular, Miguel Tellado, criticou a negativa dos grupos da oposición a apoiar esta iniciativa, reprochándolles que “a súa única proposta en materia de emprego é derrogar as reformas que nos fixeron saír da crise”.
Así, lamentou que a oposición “non queira ser partícipe” do éxito colectivo dos galegos que está a ser a recuperación económica. Na súa intervención, Tellado lembrou que Galicia se situou en agosto por debaixo das 190.000 persoas sen emprego, sendo a primeira vez desde o inicio da crise que se baixa desta cifra. Ao mesmo tempo, as afiliacións seguen aumentando Comunidade galega na evolución anual, con case 20.000 persoas máis; e tamén que o paro cae nos colectivos prioritarios, como os menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres.
Con todo, admitiu que estes datos “son aínda insuficientes” e lembrou que “as principais preocupacións dos populares son que os desempregados atopen un emprego e que os traballadores que xa o teñen melloren as súas condicións”.
MEDIDAS APROBADAS
Neste sentido, o viceportavoz popular valorou de xeito moi positivo as medidas recentemente aprobadas en Galicia, como a posta en marcha do bono autónomo, con apoios de ata 3.000 euros por traballador e aumento en seis meses da tarifa plana de 50 euros do estado para garantir a continuidade de 6.000 autónomos galegos; as axudas para a contratación indefinida dos traballadores; as axudas para incentivar con ata 10.000 euros nas pequenas e medianas empresas; ou o Cheque Formación, aprobado recentemente no Parlamento.
Na quenda de réplica, Miguel Tellado dirixiu unha crítica cara aos socialistas, aos que cualificou coma “a maior fábrica de parados da historia”, e afeoulles que pretendan dar leccións de creación de emprego porque “deixaron un país con 6 millóns de desempregados e unha taxa de paro do 25 por cento, pero agora quéixanse de que teñamos 3,8 millóns e unha taxa do 17 por cento”.