Santiago, 4 de maio de 2017.- A deputada do Grupo Popular María Antón reiterou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia “xa ten manifestado o seu máximo interese por axudar ao Concello de Betanzos para poñer en marcha o expediente para a declaración como ben de interese cultural do parque de O Pasatempo, ao tempo que se comprometeu a revisar o anteproxecto de rehabilitación deste espazo e prestar asesoramento técnico para a súa adecuación á normativa vixente”.
María Antón salientou que O Pasatempo “é un parque único, singular e diferente, non só polo seu contido senón sobre todo polo seu significado e a forma visionaria dos irmáns García Naveira para a súa construción e xestión como parte dun padroado benéfico-docente que puxeron en marcha en Betanzos a principios de século”.
Así mesmo, lamentou que “a partir de que o Concello de Betanzos comprou O Pasatempo, este parque pasou por diferentes etapas con distintos investimentos que se achegaron aos dous millóns de euros”. “Todas estas intervencións tiveron lugar antes de 2004, salvo aquelas que se realizaron baixo o único goberno do Partido Popular no Concello de Betanzos entre 2007 e 2011, que acadaron máis de 700.000 euros para a parte baixa do parque coa intención de investir cada ano para ir recuperando todo o parque”, engadiu.
CONCELLO SEN SENSIBILIDADE
A deputada popular lamentou que “desde 2011 o Concello de Betanzos no amosou ningunha sensibilidade por este parque, ata que recentemente a Asociación de Amigos de O Pasatempo denunciaron o seu estado de abandono, particularmente polo derrubamento dun muro na parte alta do recinto como consecuencia de que o Concello non se preocupou de algo tan sinxelo como manter as drenaxes limpas”.
“O Concello de Betanzos está a eludir todas as súas competencias e responsabilidades como propietario deste parque, polo que pasar toda a responsabilidade á Xunta non parece o máis axeitado”, sinalou.
Neste sentido, subliñou o compromiso da Xunta de “estudar toda a documentación que lle remita o Concello de Betanzos como paso previo para coñecer o proxecto a desenvolver e poder conformar calquera mesa de traballo, que non debería limitarse á presenza da Xunta, Deputación e Concello”.
“Entendemos que esta mesa de traballo debe ser máis ampla do que propoñen os grupos da oposición, dando cabida a outros axentes públicos ou privados que amosen a súa disposición en colaborar na recuperación de O Pasamento”, salientou.