Santiago, 23 de xaneiro de 2018.- O portavoz de Montes do Grupo Popular, José Silvestre Balseiros, salientou hoxe que “a actuación do Goberno galego tras os incendios forestais do mes de outubro caracterizouse pola coordinación, loubada incluso a nivel nacional e europeo”. Así mesmo, cifrou en máis de 13 millóns de euros o investimento realizado pola Xunta de Galicia e o Goberno central para a rexeneración das zonas afectadas polos lumes, especialmente naqueles espazos naturais protexidos.
Balseiros lembrou que “inmediatamente despois dos incendios, e sempre baixo a prescrición técnica, a Xunta convocou a primeira reunión da mesa de coordinación, onde participan 40 representantes de distintos entes, e foi neste foro onde se avaliaron os incendios e as actuacións que debían ser levadas a cabo”.
TRES EIXOS DE ACTUACIÓN
“Os traballos que se están realizando teñen como finalidade principal evitar o arrastre aos ríos do chan afectado polos incendios”, sinalou o portavoz popular. Estes traballos lévanse a cabo seguindo tres eixos diferenciados: medidas para estabilizar o chan e limitar as escorrentías a través dun acolchado con mantas orgánicas; a retención de sedimentos con barreiras de mallas biodegradables; e a revexetación das zonas afectadas a través de sementado manual en terreos de risco de desestabilización.
Respecto da rexeneración de solos, José Silvestre Balseiros sinalou que a Xunta “leva realizadas ata o momento actuacións en 32 concellos, realizando 18.200 metros cadrados de limpeza e rozas, 11.800 metros de barreiras filtrantes e faixas; e 83.000 metros de reparación de cunetas”.
“O que houbo foi inmediatez nas actuacións, axilidade na avaliación estrita das afectacións, unha coordinación técnica para a realización das actuacións propostas, unha dotación económica suficiente e ampliable, información puntual e, por último, unha actuación continua e un dispositivo de vixilancia e avaliación permanente”, incidiu.