Santiago, 17 de xaneiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Marián García Míguez salientou hoxe no Parlamento que a taxa de desemprego dos menores de 25 anos reduciuse nun 10 por cento nos últimos dous anos. “Estes datos positivos anímannos a seguir traballando neste eido e o propio Presidente da Xunta xa ten anunciado un novo Plan de Emprego Xuvenil 2018-2020, cun investimento superior aos 50 millóns de euros”, apuntou.
Marián García subliñou que nas dúas últimas lexislaturas o desemprego entre menores de 25 anos reduciuse en máis de 50.000 persoas, “o que contrasta coa súa suba do 15 ao 30 por cento rexistrada durante o anterior Goberno bipartito”. Así mesmo, apuntou que a taxa de paro actual neste sector é tres puntos inferior á media de España.
INCREMENTO DA AFILIACIÓN
A deputada popular manifestou, ademais, que a afiliación á Seguridade Social dos menores de 25 anos aumentou máis dun 3 por cento, así como un 9 por cento os contratos indefinidos e un 6,7 por cento a contratación a tempo completo.