Santiago, 22 de decembro de 2016.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou hoxe no Parlamento o incremento do 36 por cento das prazas públicas en residencias para maiores rexistrado na provincia de Ourense entre os anos 2009 e 2016. “Unha destas residencias é a de Cornuval, no concello do Carballiño, cen por cento pública, de titularidade pública da Xunta, que presta un servizo público e está financiada pola administración pública”, sinalou.
Marta Rodríguez concretou que a Xunta de Galicia creou 334 novas prazas públicas en residencias para maiores de Ourense desde o ano 2009, ao pasar de 917 ás 1.251 actuais.
“Os compromisos se demostran con feitos, porque son as cifras e os orzamentos os que permiten prestar os servizos sociais ás persoas e abrir residencias e atender”, sinalou.
VISIONARIOS SOCIALISTAS
A portavoz popular cualificou ao PSOE de “visionarios, porque foron eles os que, a través da Lei de servizos sociais aprobada en tempos do bipartito, inventaron unha nova fórmula de xestión dos servizos públicos que permite ás administracións públicas prestar os servizos sociais de forma directa ou indirecta”.
Neste sentido, lembrou exemplos desta privatización socialista, como o servizo Xantar na casa, o comedor e transporte nos centros de día, a axuda no fogar ou o xantar sobre rodas nos concellos onde gobernan. Ademais, sinalou que “crearon unha empresa específica para construír e xestionar residencias de maiores, que xustificaron baseándose na eficiencia económica”.