Santiago, 4 de decembro de 2017.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Parlamento que o servizo de emerxencias de Galicia “continúa sendo pioneiro na implantación de programas dirixidos a mellorar a asistencia, sendo observado e imitado polo resto dos servizos de saúde de España”.
Neste sentido, Prado indicou que a Xunta “fixo e segue a facer todas as actuacións necesarias para acadar un mellor servizo de atención ás emerxencias en todo o territorio galego”.
MEDIDAS PREVISTAS
Así, lembrou que o propio vicepresidente da Xunta anunciou no pasado Pleno propostas “moi serias e concretas, como a eliminación das zonas escuras do mapa de emerxencias, tanto no ámbito da comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades como na creación de novos servizos para atención ás emerxencias nas zonas deficitarias dos mesmos”.
Paula Prado tamén apuntou que o Goberno galego ten previsto actuar sobre os grupos de atención ás emerxencias, determinando o modelo de xestión dos bombeiros, revisando o financiamento, competencias e homologación dos grupos de emerxencias supramunicipais e dotando de medios ás agrupacións de voluntarios de protección civil.
Por último, a viceportavoz popular referiuse á potenciación do novo centro coordinador de A Estrada, “deseñado cara unha progresiva integración operativa de todos os servizos de emerxencias, co obxectivo de que todos os axentes traballen de forma conxunta, coordinada e baixo un único criterio compartindo información en tempo real”.