Santiago, 3 de decembro de 2016.- O Grupo Popular solicitou a incorporación no vindeiro Pleno ordinario do debate para a creación dunha comisión de investigación sobre a evolución das caixas de aforro galegas, a súa transformación en bancos e as indemnizacións millonarias dos seus directivos co obxecto de rematar os traballos realizados durante a pasada lexislatura.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou que “o obxectivo é proceder á elaboración do ditame coas conclusións derivadas das cerca de 50 comparecencias que tiveron lugar e da extensa documentación que, principalmente desde a Xunta de Galicia, se trasladou a este Parlamento, ademais das últimas novidades que se foron producindo nos últimos meses no ámbito xudicial”.
BIODIVERSIDADE E PEREGRINOS
Así mesmo, o Grupo Popular incorporou na orde do día do Pleno o debate de dúas proposicións non de lei. A primeira ten que como obxectivo o desenvolvemento dunha estratexia de infraestrutura verde que cree unha rede de espazos naturais e seminaturais, deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade, proporcionar servizos ecosistémicos e incrementar a resiliencia dos ecosistemas.
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá a creación dunha tarxeta dirixida especificamente aos peregrinos a Compostela, que aglutine diferentes servizos de interese para os peregrinos, como entrada única aos museos; facilidades no transporte público; e descontos en actividades culturais, de ocio, restauración, comercios de produtos galegos e de artesanía de Galicia e prazas de abastos.
Os deputados do Grupo Popular tamén cuestionarán ao Goberno galego na sesión plenaria sobre a incidencia que o brexit pode ter no sector pesqueiro galego e sobre o funcionamento da implantación da Tarxeta Xente Nova que permite aos menores de 19 anos facer os seus desprazamentos gratis en transporte metropolitano interurbano.