Santiago, 21 de decembro de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, acusou hoxe ao BNG de facer “un xogo moi sucio e falaz cun sector clave para o desenvolvemento de Galicia, como é o eólico, baixo dúas premisas: inducir ao medo á poboación galega e ocultar a realidade da regulación deste sector en Galicia”.
Ademais, criticou que “hoxe deberíamos estar falando e buscando solucións polo que preocupa aos cidadáns, que non é outra cousa que o prezo da luz, oito veces máis cara que hai un ano e responsabilidade dun Goberno do Estado cómplice dos nacionalistas galegos”.
Marta Nóvoa criticou que o BNG “xoguen a meter medo á poboación galega afirmando que hai 275 parques con 7.200 MW de potencia que se van instalar en Galicia, cando saben que é radicalmente falso porque estes proxectos están presentados pero non autorizados”. “Tramitar non é autorizar”, concluíu.
Así mesmo, afirmou que os nacionalistas “ocultan información, xa que esta avalancha de parques non é só en Galicia, senón a nivel nacional, provocada polo Goberno central e a tramitación establecida no Real Decreto-Lei 23/2020, que establece unha serie de prazos de tramitación dos proxectos moi axustados”.
“Ocultan que Galicia conta cun instrumento de ordenación territorial, o Plan sectorial eólico, que concreta os lugares onde se poden instalar eólicos, ademais de que a protección ambiental galega prohibe implantar en Galicia parques eólicos no 77,5 por cento do seu territorio”, asegurou. Máis en concreto, incidiu que “non se poden construír parques fora das áreas sectoriais do plan eólico, nin tampouco en zonas de Rede Natura”.
FRACASO DO SEU MODELO EÓLICO
A portavoz popular afirmou que o BNG “oculta que o seu modelo eólico foi un fracaso, do que se anularon dous concursos polos tribunais, ademais de ser fortemente criticado polos seus socios socialistas de goberno, sobre todo polas adxudicacións a dedo”. Ademais, dixo que “tamén ocultan que en 2007 instalaban 460 MW de potencia e autorizaron seis parques eólicos en Rede Natura”.
“O que os nacionalistas galegos queren de verdade é conseguir a paralización do sector eólico en Galicia e, en xeral, todo o sector enerxético renovable, que evita as emisións de CO2 e contribúe a baixar o prezo da luz”, lamentou Marta Nóvoa.