O eurodeputado do PPdeG, Adrián Vázquez, visitou hoxe Culleredo, xunto coa presidenta do PP local, Izaskun García e o seu equipo, para coñecer a proposta “Culleredo Verde” e analizar as posibilidades que ofrecen as políticas europeas de impulso a proxectos de rexeneración ambiental e urbana.
Izaskun García explicou a importancia do plan Culleredo Verde, que non consiste unicamente en construír unha senda. “Trátase unir o rural co urbano, coidar as nosas canles, recuperar camiños e achegar o noso patrimonio aos veciños”, subliñou durante a xornada, que comezou cun encontro na sede local do PP e continuou cun percorrido polo paseo fluvial e a contorna do río de Trabe ao seu paso por Vilaboa.
A proposta de Culleredo Verde, tal e como explicaron os populares, inclúe tamén a posta en valor de elementos históricos como os Muíños de Acea de Ama, construídos orixinalmente no século XII; a rexeneración de zonas residenciais como Fonte da Balsa e o estudo de alternativas para reducir o efecto barreira cubrindo as vías do tren na contorna de La Cros.
Vázquez e García desprazáronse tamén ata a ría do Burgo, onde abordaron a importancia de continuar protexendo este espazo despois dunha actuación de dragaxe que contou con cofinanciamento europeo. Os populares coincidiron en subliñar a importancia destes investimentos para a conservación e mellora dos municipios galegos e a importancia de que os alcaldes estean ben preparados para acceder a este tipo de fondos.
“Izaskun visitounos en Bruxelas e agora eu visito Culleredo. É esencial que os concellos galegos conten con alcaldes conectados con Europa”, afirmou o eurodeputado lalinense.
FINANCIAMENTO EUROPEO PARA O PROXECTO
Adrián Vázquez aproveitou a visita para anunciar o seu compromiso de traballar dende o Parlamento Europeo na procura de financiamento comunitario para actuacións deste tipo en municipios como Culleredo, insistindo na importancia de que os concellos galegos aproveiten aos máximo os fondos europeos dispoñibles para mellorar as súas infraestruturas.
O eurodeputado do PPdeG destacou que o proxecto de sendas verdes desde os montes á ría, suporía “unir todo o potencial de Culleredo con planificación e visión de futuro”. Neste sentido, recalcou que se necesita “unha alcaldesa con ambición e capacidade para converter oportunidades en proxectos reais, como Izaskun García”.
Ademais, a portavoz municipal sostivo que “os fondos europeos ben utilizados son unha oportunidade enorme para municipios como o noso. Queremos un concello que non deixe escapar oportunidades e converta cada investimento en melloras concretas para os veciños”.