Santiago, 4 de febreiro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos afirmou hoxe no Parlamento que “a cidade deportiva do Celta de Vigo en Mos será obrigatoriamente autorizada se cumpre os requisitos legais e obrigatoriamente denegada en caso contrario”. Na súa intervención, asegurou que “todas as obras que se están a facer neste momento teñen licenza municipal”, en contraposición á afirmación realizada polo deputado do BNG Luís Bará, ao que pediu que retirara as súas falsas acusacións.
Alberto Pazos criticou que os socialistas galegos “pretendan que a Xunta prevarique ao pedir neste Pleno que non tramite o proxecto para o centro comercial e a cidade deportiva, antepoñendo os seus intereses de partido ao cumprimento da lei vixente”.
SOMETER A MOS
Os socialistas “non dubidan en utilizar as institucións con fins partidistas, como o informe realizado pola Deputación Provincial de Pontevedra extralimitándose no seu contido; en manipular de forma permanente e groseira a verdade, como o informe favorable do Consorcio de Augas do Louro asinado pola alcaldesa de O Porriño, a mesma que cuestiona a suficiencia do abastecemento de auga para a cidade deportiva; ou xerando alarma cidadá recorrendo a prácticas mafiosas, como fixeron ao inventarse unha empresa municipal de augas ficticia e remitir recibos falsos de auga aos veciños”, manifestou.
O deputado popular sinalou que “o obxectivo é someter a Mos, porque non lles molesta a construción da cidade deportiva, senón que se faga en Mos; nin lles molesta a construción dun centro comercial, só que se faga en Mos cando no concello veciño está previsto construír tres novas superficies comerciais”.
“A Xunta, o Concello de Mos e o Celta están a cumprir os compromisos que asumiron no chamado Pacto dos Escudos, no que outros posaron sorrintes, recibiron agasallos, prometeron colaboración e lealdade pero posteriormente incumpriron todas as súas promesas”, subliñou.