Santiago, 19 de febreiro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada afirmou hoxe no Parlamento galego que “a Xunta está a reforzar de xeito continuado o dispositivo de loita contra o lume, mellorando as condicións e os tempos de traballo dos efectivos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais”.
En concreto, salientou que “estes empregados fixos-discontinuos viron como se duplicaba a duración dos seus contratos, que no 2017 era de tres meses e neste 2020 chegou a seis meses”.
José Antonio Armada explicou que “este dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais conta na actualidade con 985 traballadores fixos-discontinuos de seis meses, que supoñen un custo mensual para a Xunta de preto de 2,5 millóns de euros”.
Ademais deste persoal, o servizo conta con medios aéreos e medios terrestres. “Só no ano 2019 renováronse 22 vehículos, cun investimento superior aos cinco millóns de euros”, engadiu.
Un dos aspectos que máis evolucionou nos últimos anos foi a formación dos membros deste servizo contra incendios forestais. Neste sentido, o deputado popular lembrou que o Consello da Xunta aprobou o informe sobre o Plan de formación para o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais 2021-2024, a través do que se impartirán cerca de 230.000 horas lectivas a case 3.000 traballadores.
A esta formación engadiranse máis de 40 iniciativas previstas para a actualización e adestramento continuo do persoal antiincendios, así como accións dirixidas aos concellos e á poboación do rural, co obxectivo global de reforzar a anticipación, a extinción e a investigación dos lumes forestais en todo o territorio galego.
José Antonio Armada subliñou que este plan aprobouse “tras consultar ás organizacións sindicais e outras asociacións, aceptando preto do 90 por cento das súas alegacións”. Ademais, engadiu que “a intención é seguir atendendo en cada exercicio as suxestións do propio servizo contra incendios forestais e ir axustando o plan ara á realidade tanto do servizo como da loita contra o lume”. O obxectivo é evolucionar cara a unha maior carga práctica coa finalidade de achegarse o máximo posible ás situacións que se presentan no traballo para conseguir darlles resposta.