21 de marzo de 2023. A deputada do Grupo Popular Elena Suárez Sarmiento afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a Xunta traballa na actualidade no desenvolvemento do Estatuto da muller rural e do mar en Galicia, que será integrado na nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia para darlle ese rango de norma superior e un maior amparo legal ao colectivo”.
“Ademais, e por quinta vez neste Parlamento, aseguro que esta nova lei contemplará a creación dun Observatorio de igualdade de xénero, integrado por técnicos e especialistas”, dixo.
Elena Suárez manifestou que “estamos totalmente dacordo coa necesidade e a conveniencia da formación en igualdade en todos os ámbitos, pero o que é imposible é formular que sexa obrigatoria”. Deste xeito, amosou “o compromiso demostrado con feitos de que o actual Goberno galego seguirá traballando e lexislando para que as mulleres mariñeiras ocupen o lugar que lles corresponde nos órganos de decisión do sector en Galicia e para que se respecten os seus dereitos en todos os ámbitos”.
DESVIAR A ATENCIÓN
“Creo que tanto BNG como PSdeG desvían a atención do que realmente lles importa ás mulleres do mar: non necesitan 50 órganos administrativos que fagan o mesmo, porque o que precisan son feitos, o que lles proporciona realmente o actual Goberno galego”, subliñou.
A deputada popular recordou que Galicia conta co VIII Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, aprobado o pasado mes de maio e dotado con 935,5 millóns de euros, “o maior orzamento da historia galega para loitar contra as discriminacións das mulleres e reforzar as políticas autonómicas de igualdade”.
Este plan, en concordancia coa futura Lei galega de igualdade, conta con importantes novidades, como é o que se recolle no ámbito 4 dedicado precisamente á procura da igualdade da muller nos eidos rural e do mar.