Santiago, 27 de abril de 2021.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que a Xunta “está traballando para reforzar a loita contra o acoso escolar cun novo plan integral, de xeito que os centros se convertan en espazos de convivencia, reforzando os protocolos de convivencia e as ferramentas de detección de acoso e de seguimento individualizado do alumno”.
Rodeiro explicou que este novo plan integral “estará asentado na información obtida a través dunha macroenquisa que deseñará a nova Estratexia Galega de Convivencia 2021-2025, así como do traballo do Consello Galego da Convivencia e da implicación doutros axentes sociais, educativos e de especialistas”.
CAMBIO DE ACTITUDE DO BNG
“Galicia foi unha comunidade pioneira na aposta pola convivencia e a participación da comunidade educativa coa aprobación en 2011 dunha lei e o seu posterior decreto de desenvolvemento”, lembrou. Neste sentido, engadiu que “anticipámonos ao Goberno de España poñendo en marcha iniciativas como a Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020, na que se desenvolve o Protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso, ou a creación do Consello para a convivencia escolar da Comunidade galega”.
Ovidio Rodeiro saudou “o cambio de actitude do BNG e a vontade de consenso amosada no Parlamento galego”, logo de que no ano 2011 se posicionara en contra da Lei de convivencia e participación e, posteriormente, tampouco apoiara en 2015 a Estratexia galega de convivencia escolar.
Porén, lamentou que desde o BNG “queiran empezar a casa polo tellado, ignorando os traballos de cimentacións feitos ao longo destes anos, da estratexia Educonvives e formulando medidas que incumpren a normativa educativa”.