Santiago, 21 de maio de 2020.- Diante das afirmacións realizadas polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, respecto do acordo acadado por todos os grupos parlamentarios para o funcionamento da Deputación Permanente do Parlamento galego, o Grupo Parlamentario Popular fai as seguintes aclaracións:
1. É totalmente falso que non se teña cumprido o acordo asinado entre todos os grupos. O propio documento recolle no seu punto 1 que “a Deputación Permanente manterá unha reunión semanal durante o tempo previsto para o período de sesións ordinario do Parlamento”. No momento no que se produce unha convocatoria electoral por parte do Presidente da Xunta finaliza o período de sesións. Resulta sorprendente e preocupante o descoñecemento que amosa o secretario xeral dos socialistas galegos do funcionamento do Parlamento de Galicia.
2. Ao longo destes meses de Estado de Alarma e de Emerxencia Sanitaria, o Parlamento galego mantivo unha actividade extraordinaria atopándose disolto. Deste xeito, consideramos que a sociedade galega pode amosarse orgullosa da actividade levada a cabo polos seus representantes na Cámara galega neste período, sobre todo se comparamos coas reunións celebradas noutros parlamentos, e especialmente no do País Vasco que se atopa nunha situación de Parlamento disolto igual á de Galicia.
a. No caso do Parlamento do País Vasco, onde o PSOE forma parte da maioría da Mesa do seu Parlamento, o Lehendakari compareceu neste período en dúas ocasións (as mesmas que o Presidente da Xunta), pero nin un só dos seus conselleiros, entre os que figuran tres socialistas.
b. En Galicia, a oposición puido controlar a través da Deputación Permanente, ademais de ao Presidente da Xunta, a 8 dos 11 conselleiros (sete a través de comparecencias, a maioría a petición da oposición, e a través de preguntas na última sesión da Deputación Permanente). Os conselleiros e conselleiras que compareceron foron: o Vicepresidente, o de Facenda, a de Medio Ambiente, o de Sanidade, a de Política Social, a de Educación, e o de Cultura e Turismo. O conselleiro de Economía contestou a preguntas da oposición.
3. Así mesmo, resulta rechamante que o señor Caballero afirme que o Goberno galego non quere falar de sanidade, cando na presente lexislatura desenvolveuse unha Comisión de investigación sobre o sistema sanitario galego, no que compareceron, entre outros, o Presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade e outros altos cargos do Sergas, pero á que os deputados socialistas (logo de solicitala e votala a favor) se ausentaron inexplicablemente, renunciando a debater de sanidade co Goberno galego.
4. Por último, sorprende ademais a visión da democracia que ten o candidato socialista, porque nas democracias parlamentarias cando se convocan unhas eleccións o protagonismo do debate corresponde á cidadanía. Por iso, unha vez convocados todos os procesos electorais na nosa comunidade autónoma, o Parlamento suspendeu as súas actividades, para que as forzas políticas poidan desenvolver a campaña electoral. Situación ordinaria na que nos encontramos desde o pasado día 19 de maio no que o Presidente volveu a convocar as eleccións, o que coloca ao Parlamento galego na situación habitual de fin de lexislatura e remata coa situación excepcional de disolución sen convocatoria electoral, que foi a que motivou o acordo dos grupos.