A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, explicou hoxe que as unidades post-Covid pasaron de atender máis de 12.000 persoas en 2022 a pouco máis de 1.300 en 2024, “o que permitiu a reorganización dos recursos sanitarios e integrar a atención dos pacientes con Covid persistente nos servizos hospitalarios e en atención primaria”. Deste xeito, garantiu que “a atención sanitaria a todos estes pacientes está plenamente garantida no sistema público de saúde de Galicia”, polo que pediu a BNG e PSdeG que “non sementen dúbidas nin alarmas inxustificadas, cuestionando a profesionalidade dos equipos sanitarios que agora atenden a estas persoas”.
Encarna Amigo indicou que “o que se fixo cos pacientes con Covid persistente foi unha reorganización asistencial baseada en criterios clínicos, de demanda e na que continúan participando os mellores equipos profesionais que xa viñan atendendo a estas persoas”.
MESMO COMPROMISO E CALIDADE ASISTENCIAL
“O descenso de pacientes entre os anos 2022 e 2024, pasando de 12.104 a 1.302, foi o que permitiu reorganizar os recursos sanitarios e integrar a atención a todos estes pacientes con Covid persistente nos servizos hospitalarios e en atención primaria, gozando da mesma profesionalidade, do mesmo compromiso e da mesma calidade asistencial que no pico da pandemia”.
A portavoz popular afirmou que “Galicia non só garante asistencia aos enfermos, senón que está na vangarda da investigación en Covid persistente” e lembrou que o Hospital Lucus Augusti lidera un proxecto punteiro, financiado con 150.000 euros, centrado na definición probabilista desta enfermidade. “Isto é compromiso coa saúde baseada na evidencia e unha mostra máis de que aquí non se improvisa, senón que se planifica con criterios científicos”, incidiu.
“En Galicia aténdese aos enfermos diagnosticados de Covid persistente e ofréceselles unha resposta médica adaptada ás súas necesidades, con profesionais de medicina perfectamente formados e que incorporan os avances científicos acaídos”, rematou Encarna Amigo.