O deputado do Grupo Popular Enrique Barreiro afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que o Plan de remuda xeracional que a Xunta está ultimando para a mocidade no agro galego incorporará unha liña de axudas de 2,1 millóns de euros ata 2029 para favorecer a cooperación na sucesión de explotacións.
Enrique Barreiro indicou que o Plan de remuda xeracional “recolle unha ampla perspectiva transversal dirixida a fortalecer o tecido produtivo galego, manter vivos aos concellos do rural e ofrecer á mocidade unha alternativa real e de futuro no rural galego”.
En concreto, explicou que “xira ao redor de tres eixos fundamentais: a formación, para mellorar a capacitación da mocidade no sector agroalimentario; a sensibilización, para facer ver que o rural, ademais de ser unha opción de futuro, tamén é unha oportunidade de vida viable; e a incorporación, para facilitar unha transición entre os propietarios das explotacións que se xubilan e os mozos interesados en tomar o relevo mediante a compra ou arrendamento”.
A maiores do Plan de remuda xeracional, o deputado popular referiuse aos distintos plans de axuda complementarios que a Xunta ten en vigor para apoiar a instalación e asentamento de novas mozas e mozos no sector agrogandeiro galego. Así, Barreiro citou o programa de primeira instalación de agricultores mozos, que outorga unha axuda aos novos emprendedores que se establezan por primeira vez nunha explotación agraria. A través desta iniciativa, a Xunta permitiu en 2023 a incorporación de 252 mozos e mozas, cun investimento total de 11,3 millóns de euros, o que supón unha media superior aos 44.000 euros por agricultor.
Outra axuda existente é a destinada á incorporación de persoas entre 41 e 55 anos, para a que a Xunta xa destinou tres millóns de euros.