Santiago, 24 de setembro de 2020.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación dunha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se solicita á Xunta a elaboración dun protocolo de actuacións para dar solucións efectivas aos casos de aparición de coronavirus en explotacións agrícolas e gandeiras.
O deputado popular José Antonio Armada salientou que a Xunta realizou máis de 4.300 test serolóxicos a temporeiros que participaron na vendima en Galicia este ano, que se complementaron coas preceptivas PCR cando estas persoas procedían de zonas con maior incidencia epidemiolóxica.
Armada puxo de manifesto “a responsabilidade e a profesionalidade do sector vitivinícola en Galicia para afrontar a vendima nas mellores condicións de seguridade, ao que se engade a colaboración de viticultores e adegueiros para garantir que o proceso se desenvolvera con normalidade e se puidera recoller toda a uva”.
Así mesmo, o deputado popular lembrou as medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia dirixidas a apoiar ao sector vinícola galego nesta emerxencia sanitaria, como o Mercaproximidade, ao que se sumaron máis de 80 adegas; a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia; as axudas directas ao sector, por importe de 24 millóns de euros; ou o Préstamo vendima, dotado con 60 millóns de euros e concibido para permitir a todas as adegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado.