Santiago, 7 de setembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central a aprobación do proxecto e execución das obras de urbanización da estrada N-550 ao seu paso polo lugar da Ponte en Padrón.
“Este proxecto é fundamental para conseguir a integración deste viario no casco urbano de Padrón e a súa humanización, ao tempo que a integración paisaxística e a dotación de servizos posibilitará unha mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas desta vila”, manifestou a deputada popular María Antón.
INCLUÍLA NA AXENDA CO MINISTERIO DE FOMENTO
Na súa intervención, Antón sinalou a necesidade que o Goberno galego “inclúa esta obra na axenda de asuntos a tratar co Ministerio de Fomento, como xa o fixo noutras ocasións a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o propio Concello de Padrón aprobando recentemente unha proposición semellante”.
A deputada popular lembrou que existe un proxecto do ano 2008 do Ministerio de Fomento para a mellora da estrada N-550 na travesía de Padrón, entre os puntos quilométricos 82,141 e 83,682, valorado en máis de 4,85 millóns de euros. “É un proxecto que leva anos xestionándose sen rematar a súa execución, maila que se fixeron algúns avances como o derrubo de 16 casas que ameazaban ruína e presentaban perigo para a seguridade persoal”, engadiu.
Así mesmo, María Antón salientou “a posta en servizo neste tempo da variante de Padrón, que serviu para desconxestionar o tráfico no casco urbano e conectar a zona norte e a sur sen utilizar a autoestrada ou a autovía”.
“Entendemos que esta variante era prioritaria no tempo á acción que hoxe debatemos neste Parlamento, pero, superado este momento, consideramos apropiado volver poñer enriba da mesa a realización da mellora da infraestrutura que vertebra o casco urbano de Padrón”, engadiu.