Santiago, 5 de novembro de 2020.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta que axilice o calendario de inspeccións itinerantes para vehículos agrícolas, ao tempo que se pide ao Goberno central que amplíe a prórroga das inspeccións o tempo que faga falta como única maneira de asegurar que tractores e outra maquinaria circulen dentro da legalidade mentres agardan pola revisión.
A portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia, avogou por “facer un esforzo para concienciar a todos de que a inspección dos vehículos agrícolas é unha seguridade”
“Estamos vivindo unha época sen precedentes, ante a que a empresa concesionaria deste servizo está a facer un esforzo importante para prestar o mellor servizo aos titulares deste tipo de vehículos”, sinalou. En concreto, a portavoz popular indicou que se aumentou o horario de apertura das unidades móbiles nun 24 por cento; se incrementou o persoal nun 25 por cento; e a metade das unidades móbiles estiveron operativas durante todo o mes de agosto, cando outros anos estaban pechadas.