Santiago, 7 de setembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda de Portos do Estado unha dotación orzamentaria no plan de investimentos para o ano 2018 e seguintes que garantan a execución inmediata das obras de conexión ferroviaria ao porto exterior de A Coruña.
Así mesmo, e logo dunha transacción realizada co grupo de En Marea, incorporouse a solicitude para que, no marco dunha comisión para a revisión dos convenios urbanísticos de 2004, a Xunta, o Goberno central e o Concello de A Coruña definan, concreten e propoñan un novo plan de financiamento das obras de construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, incluíndo a viabilidade dunha quita da débeda con Portos do Estado e a asunción polo Goberno central do máximo financiamento posible para ditas obras, tamén os accesos ao propio porto, de conformidade co que permiten na actualidade os novos regulamentos da Unión Europea.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, salientou a recente aprobación da declaración de impacto ambiental do acceso ferroviario a Punta Langosteira e lembrou que a Autoridade Portuaria de A Coruña adiantou a redacción do proxecto técnico deste enlace ferroviario, o que permitiu reducir prazos de tramitación.
“O proxecto atópase agora mesmo en proceso de redacción, incluíndo os requirimentos realizados pola declaración de impacto ambiental, polo que é previsible que nos próximos meses se proceda á súa aprobación definitiva para proceder á licitar a obra a continuación”, anotou.
NOVO PLAN DE FINANCIAMENTO CONSENSUADO
Así mesmo, lembrou a existencia dun convenio entre o Goberno central e o Concello de A Coruña para o financiamento do porto exterior. “Porén, consideramos necesario a creación dunha comisión ao efecto que poda definir e concretar un novo plan de financiamento das obras do porto exterior e do seu acceso ferroviario”, manifestou. Neste sentido, salientou o “cambio de postura de En Marea, ao pasar do maximalismo de todo gratis para o Concello de A Coruña a asumir que é necesario consensuar o novo financiamento destas obras”.
Por último, Fernández Prado destacou os resultados do Porto de A Coruña, que pechou o pasado mes de maio co mellor rexistro da súa historia: 1,56 millóns de toneladas. “O 2017 vai mellorando os datos do pasado exercicio en todo tipo de tráficos, cando o volume de negocio en 2016 ascendera a 27,6 millóns de euros, o máis alto da historia do porto coruñés”, concretou.
Respecto do porto exterior, indicou que “os movementos non fan máis que medrar, e a previsión é de pechar este ano con dous millóns de toneladas, superando amplamente as 1,4 toneladas do pasado 2016”.