O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se rexeita a situación de bloqueo que está a sufrir o Consello Xeral do Poder Xudicial e se manifesta aos grupos políticos con representación nas Cortes a obriga de cumprimento inmediato da Carta Magna.
“Poderán contar co Partido Popular cando se trate de favorecer a independencia do Poder Xudicial, a despolitización no proceso de elección dos vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial e o respecto aos xuíces e maxistrados”, asegurou a viceportavoz popular, Paula Prado, quen apuntou que “nunca contarán con nós cando se trate de ameazar e insultar a quen administra a Xustiza, nin para debilitar o Estado de Dereito nin para romper co marco de convivencia constitucional e co principio de igualdade dos españois”.
ASALTAR A XUSTIZA
Paula Prado explicou que os 8 xuíces e maxistrados que integran o Consello Xeral do Poder Xudicial, a proposta do Congreso e do Senado, son elixidos por unha maioría de tres quintos, é dicir, necesítase o voto favorable de 210 deputados. Por este motivo, cuestionou aos socialistas “como pode ser que o PP, con 89 ou 137 deputados nas últimas lexislaturas, poida exercer un bloqueo deste órgano para o que son necesarios 141 votos en contra?”.
Ademais, Prado sinalou que “dificilmente se pode chegar a un acordo cun socialismo que se ten podemizado ata o extremo de que fai súas as consignas de Pablo Iglesias”. Así, acusou a Pedro Sánchez de intentar asaltar a Xustiza de España, “colocando como maxistrados do Tribunal Constitucional a quen fora ministro de Xustiza e a dous asesores do seu Goberno; nomeando a Dolores Delgado, logo de ser ministra de Xustiza, como fiscal xeral do Estado; a mesma Dolores Delgado á que por dúas veces o Tribunal Supremo anulou o seu nomeamento polo fiscal xeral do Estado, primeiro como fiscal de Sala do Militar e, máis recentemente, como fiscal de Memoria Democrática; lexislando á carta dos seus socios, derrogando o delito de sedición, rebaixando as penas por malversación e aprobando unha amnistía que cuestiona as sentenzas que no seu día adoptaron os xuíces do procés; ou asinando un acordo de investidura no que se fala abertamente de lawfare e que implicaría o sometemento da Xustiza ao poder político”.