Santiago, 8 de maio de 2018. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, reiterou hoxe que desde o PPdeG “imos seguir reclamando para Galicia a transferencia da AP-9 en todos os foros que se consideren axeitados” e deste xeito apoiou a aprobación hoxe no Parlamento dunha nova proposición de lei reclamando este traspaso. Porén, anunciou que “emendaremos esta proposta lexislativa para volver ao consenso e unanimidade” da proposición de lei aprobada no Parlamento galego en xaneiro de 2017”.
Fernández Prado lembrou que, “a pesar de que a AP-9 é unha infraestrutura de titularidade estatal, a Xunta e o PPdeG veñen mantendo desde hai tempo unha política activa en relación con esta autoestrada, que se manifesta na demanda continua ao Ministerio de Fomento dun mellor servizo nesta vía, así como na intención de asumir a súa explotación”.
Neste sentido, sinalou que o PPdeG “sempre liderou a solicitude desta transferencia” e recordou cando en 2007 presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei neste sentido e o BNG votou en contra.
SERIEDADE E RIGOR
“A Xunta e o PPdeG traballamos con seriedade e rigor pola mellor defensa dos intereses dos galegos en relación coa AP-9 e vimos apostando pola transferencia da titularidade a Galicia de forma constante e sen cambios de criterio”, asegurou. Así, apuntou que “creemos que a transferencia da AP-9 é posible, é xuridicamente viable e é conveniente para velar con máis eficacia pola calidade do servizo que reciben os cidadáns”.
Por este motivo, Martín Fernández xustificou o apoio do Grupo Popular á proposición de lei do BNG pola que se reclama de novo a transferencia da AP-9 a Galicia, pero lamentou que os nacionalistas “volvan á proposta que presentaron en decembro de 2014, obviando o texto da proposición de lei que foi acordada e consensuada entre todos os grupos parlamentarios en 2017”.
“O BNG volve catro anos atrás e por iso o Grupo Popular emendará este texto lexislativo para volver ao acordo unánime acadado neste Parlamento, porque ademais entendemos que ese texto do 2017 facilita a aprobación e reduce as posibilidades de xustificación da oposición por parte do Goberno central”, explicou.
READMITIR DE OFICIO
Por outra banda, o portavoz popular avanzou a posibilidade de que, “antes de que chegue a tramitarse esta iniciativa lexislativa, a proposición de lei remitida anteriormente por este Parlamento ao Congreso sexa readmitida a trámite de oficio, pois xa a Mesa do Congreso anunciou a posible revisión de oficio das leis presentadas en base á sentenza recentemente coñecida do Tribunal Constitucional”.
“É posible que eta revisión de oficio chegue antes que esta nova lei, pero en calquera caso desde a Xunta e o PPdeG sempre apoiamos e seguiremos apoiando a transferencia da AP-9 a Galicia, por entender que é favorable para os galegos e que pódese dar un mellor servizo”, incidiu.